Gaiás
Cidade da Cultura
A Cidade da Cultura representa un dos exemplos máis interesantes da arquitectura contemporánea do norte de España, un espazo cunha potente forza visual para gozar da creatividade e da natureza. Deseñada polo norteamericano Peter Eisenman en Santiago, cidade Patrimonio da Humanidade e meta do Camiño, o complexo inclúe o Museo Centro Gaiás, a Biblioteca e Arquivo de Galicia, o Centro de Emprendemento e o edificio CINC, dedicado ás novas tecnoloxías.
Betula Pendula. Intervención paisaxística nas Torres Hejduk
A fraxilidade dos bosques galegos feita arte. Esta é a idea Martín Toimil para a intervención paisaxística Betula Pendula nas Torres Hejduk, na que fai uso do carácter dual destas estruturas (vidro-pedra/transparente-opaca) nun xogo cos opostos cos que quere reflectir a realidade dos montes galegos. Por unha banda, a beleza, a través das paisaxes que ofrecen as súas especies autóctonas, como o bidueiro. E pola outra, a destrución, causada pola lacra dos lumes.
Para esta intervención baseada na confrontación, Martín Toimil —licenciado en Arquitectura paisaxista pola Universidade Técnica de Lisboa— pendura bidueiros na torre de cristal e fai o mesmo na de pedra. Mais, nesta última, coloca os queimados pola última vaga de lumes que sufriu Galicia. En ambas instalacións están instalados do revés, emulando o perfil do alzado das Torres Hejduk, xa que o oco entre os dous edificios é idéntico á silueta dunha árbore invertida.
Na torre de cristal, os bidueiros están suspendidos con amarres desde a propia cepeira, onde tamén está instalado un sistema de rego que permita manter as árbores vivas. No chan está colocado un espello. Deste xeito, trasládaselle ao visitante a sensación de camiñar sobre as copas.
Mentres, na torre de pedra que acolle as árbores queimadas de xeito invertido, a modo de escultura, aproveitarase a ausencia de luz e instalarase unha iluminación que transmita sombras proxectando a escultura por todo o interior.
MARTÍN TOIMIL
Martín Toimil Mato é tamén enxeñeiro agrónomo pola Universidade de Santiago de Compostela. Dende 2010 dirixe o estudio de arquitectura paisaxista laND30, a través do cal desenvolve a súa actividade profesional. Algúns dos seus traballos teñen acadado diversos premios en concursos nacionais e internacionais. O Xardín Celta que resultou gañador na 2013 World Landscape Art exposition en Jinzhou na China. Nebula acadou o primeiro premio no concurso internacional para a Urbanización Marina Al Arab en Dubai, presentado en colaboración co estudio de arquitectura A-cero. Epigrafía obtivo unha mención de honra no concurso de Ideas para o Claustro de San Francisco no Museo Provincial de Lugo no 2011, o igual que a proposta para a revitalización da Rúa Frei Caneca en São Paulo, O Brasil. Recentemente, Activar el Cráter, en colaboración con Iván Torres arquitectos, resultou vencedora do concurso de ideas para o Parque Urbano Playa Honda en Lanzarote, nas Illas Canarias. Ademais compaxina o seu labor profesional con actividades de divulgación e docencia.
OUTRAS INTERVENCIÓNS NAS HEJDUK
As Torres Hejduk soen ser obxecto de intervención artística, no caso de Betula Pentula de carácter paisaxista, para converterse, deste xeito, nun espazo expositivo non convencional que ten acollido propostas de artistas contemporáneos como Pamen Pereira, Ana Soler, Alejandra Sampedro, Félix Fernández, Sonia Navarro ou a Irma Álvarez-Laviada.
As Torres Hejduk foron deseñadas polo arquitecto norteamericano John Hejduk como un invernadoiro vertical para o parque de Belvís de Santiago. Tras o falecemento de Hejduk, o seu amigo Peter Eisenman decidiu integralas no proxecto da Cidade da Cultura. Deste xeito, convertéronse nun dos primeiros elementos en construírse no monte Gaiás. Visibles desde moitos puntos de Compostela, a súa forza visual outorgarlles un carácter icónico, converténdose nun dos símbolos máis representativos da Cidade da Cultura.
Desde a súa apertura ao público, as Torres Hejduk acollen propostas de artistas contemporáneos e están conectadas ao Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura de Galicia’, no que os participantes son convidados a participar nun concurso de propostas para intervir nelas. Precisamente, a última intervención foi a de Fredy Solano con A través dun horizonte sen corpo e a vindeira será a do último proxecto gañador: ‘AAMA’ (Arquivo Aberto da Memoria Arquitectónica)
Galicia universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación
Galicia universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación supón a maior exposición de pezas das coleccións privadas de ABANCA e Afundación reunidas ata o momento. Pintura, escultura, fotografías e instalacións compoñen este percorrido por 150 anos de arte galega.
Nela pode contemplarse unha escolma de 192 pezas que abarcan desde o primeiro terzo do XIX ata a actualidade, o que sitúa a Galicia universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación como a mostra recente máis ambiciosa sobre a arte galega.
As coleccións de arte galega de ABANCA e Afundación reflicten á perfección os dous factores que marcaron a construción das artes plásticas galegas desde o século XIX: “identidade” e “universalidade”. A través destes conceptos alúdese a dous elementos singulares para entender a nosa arte: a historia da cultura galega e a súa ligazón co contexto internacional.
Por primeira vez, unha mesma mostra reúne 119 dos artistas galegos máis relevantes dos últimos 150 anos, como son Jenaro Pérez Villaamil, Fernando Álvarez Sotomayor, Urbano Lugrís, Francisco Lloréns, Serafín Avendaño, Laxeiro, Virxilio Vieitez, Manuel Colmeiro, Luís Seoane, Arturo Souto, Maruja Mallo, Eugenio Granell, Julia Minguillón, Francisco Leiro, Antón Patiño, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Berta Cáccamo, Antón Lamazares, Pamen Pereira, Elena Colmeiro, ou Antía Moure, entre outros moitos.
As coleccións ABANCA e Afundación posúen un dos legados máis significativos da arte galega. Por iso, esta exposición conxunta permítenos evidenciar o desenvolvemento das artes plásticas galegas desde a primeira metade do século XIX até comezos do actual, tanto dentro do seu contexto nacional como internacional. Deste xeito, compróbase na mostra como a arte galega non foi allea ás influencias das grandes correntes artísticas do vello continente en cada momento da historia.
Exposición permanente das maquetas e proxectos de arquitectura da Cidade da Cultura
Museo Centro Gaiás acolle como exposición permanente as maquetas de todos os proxectos que se presentaron en 1999 ao Concurso Internacional de Arquictura para realizar a Cidade da Cultura de Galicia no Monte Gaiás en Santiago de Compostela.
A este concurso de ideas presentáronse inicialmente doce propostas de destacados equipos de arquitectura nacionais e internacionais, que finalmente quedaron en once logo da retirada do proxecto de Santiago Calatrava. Os arquitectos que achegaron as súas ideas para definir o complexo arquitectónico e os usos foron Ricardo Bofill, Peter Eisenman, Manuel Gallego Jorreto, Annette Gigon e Mike Guyer, Steve Holl, Rem Koolhaas, Daniel Libeskind, Juan Navarro Baldeweg, Jean Nouvel, Dominique Perrault e César Portela.
De entre todo os proxectos de ideas, elixiuse finalmente como proxecto de obra o deseñado por Eisenman Architects atendendo, segundo o fallo do concurso, á súa singularidade tanto conceptual como plástica, e á súa excepcional sintonía co lugar.
Unha tarde no Gaiás
Se estes días estás planificando que facer na túa visita a Santiago de Compostela, hai unha excursión que resulta imprescindible: a Cidade da Cultura de Galicia. O complexo deseñado por Peter Eisenman é dos exemplos máis sorprendentes da arquitectura contemporánea. Pero non só. Arte, cultura, natureza e gastronomía danse cita nesta cidade única. Para que non perdades nada, aquí vos deixamos unha pequena guía para gozar de todas as posibilidades da Cidade da Cultura.
Bola de libros. Unha enorme esfera de libros recibe ao visitante na Cidade da Cultura. Trátase de Singularidade, unha obra da recoñecida artista visual Alicia Martín. Aínda que se instalou como unha obra temporal, hoxe é un símbolo e foto imprescindible para calquera persoa que se achegue ao Gaiás.
O Gaiás en maqueta. Ao lado da bola de libros, a Sala Eisenman convídanos a descubrir os proxectos ideados para a Cidade da Cultura, con maquetas, planos e explicacións de arquitectos como Jean Nouvel, Rem Koolhass, Ricardo Bofill, Manuel Gallego Jorreto e, por suposto, Peter Eisenman.
Biblioteca e Arquivo de Galicia. É o momento de entrar no edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia. Ademais de marabillarvos coa súa sala de lectura, podedes aproveitar para visitar algunha das exposicións temporais realizadas cos fondos propios das institucións que alberga.
Descubre as Torres Hejduk. Visita obrigada son as Torres Hejduk. Foron as primeiras pezas que se alzaron na Cidade da Cultura e as únicas que non pertencen a Eisenman, senón ao arquitecto John Hejduk, que as concibiu como torres botánicas para o parque de Belvís. Actualmente acolle intervencións artísticas contemporáneas como A liña Hejduk, instalación de Irma Álvarez-Laviada que se pode visitar ata agosto.
Tocando o ceo na praza central. Non podes marchar da Cidade da Cultura sen tentar ‘escalar’ a rampa do edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia, á que se accede desde a gran praza central. É como tocar o ceo. Iso si, coidadiño ao baixar.
Merecido descanso na Cantina. Estamos cansos? Precisamos dun café? Ou algo para comer? A Cantina da Cidade da Cultura é o espazo ideal para facer unha pausa. A Cantina conta con dous galardóns nos prestixiosos premios Restaurant & Bar Design, cos que se recoñece ao restaurante mellor deseñado en todo o mundo e ten servizo de cafetería en horario ininterrompido, ademais dunha pequena carta e un completo menú do día.
Un paseo literario. Tras repoñer forzas, achégate ao corazón da Cidade da Cultura e goza dun paseo polo Xardín Literario, un espazo verde dedicado aos escritores e poetas galegos. Sendas que discorren entre versos de Pondal ou Cunqueiro, fermosas vistas a Compostela e un pequeno lago.
Visita Da árbore á cadeira e Flor Novoneyra. A Cidade da Cultura é o lugar perfecto para gozar da cultura e da arte. E para iso, nada mellor que o Museo Centro Gaiás, do que destaca a espectacularidade da súa fachada e os seus 43 metros de altura. Centro da vida artística do Gaiás, desde o 7 de abril e ata o 5 de novembro acolle a exposición gratuíta Da árbore á cadeira, unha viaxe emocional que vai dos bosques aos nosos fogares, centrándose na posta en valor do patrimonio natural e o deseño contemporáneo. E no andar 3, Flor Novoneyra, o testamento pictórico de Antón Lamazares no que o pintor de Lalín lle fai unha homenaxe ao poeta da Terra: Uxío Novoneya.
Descansa no Parque do Lago. Antes de pensar en marchar, a Cidade da Cultura aínda ten gardada unha última sorpresa: o Parque do Lago. Unha extensa zona verde equipada cunha rede de sendas pola que pasear, un lago de 4.783 metros cadrados rodeado de vexetación e unha plataforma de madeira ao borde equipada con áreas de descanso.
Descenso polo Bosque de Galicia. Se aínda nos quedan forzas, a despedida perfecta da Cidade da Cultura faise a través dos sendeiros do Bosque de Galicia, o novo pulmón verde de Compostela, 24 hectáreas con sete mil árbores de especies autóctonas.
Información Práctica
Visita a Cidade da Cultura
A Cidade da Cultura ábrelles as portas a todos os cidadáns que desexen coñecer o complexo deseñado por Peter Eisenman.
Os visitantes poderán acceder libremente aos espazos e percorrer os exteriores da Cidade da Cultura: dende as Torres Hejduk ata a praza central. Ademais, o complexo do Gaiás dispón de programas de visitas guiadas para coñecer máis de preto os segredos dun proxecto arquitectónico único.
Apertura ao público do recinto
Luns a Domingo | 8:00 - 23:00 | Permítese o acceso en vehículo privado
Horarios
Museo Centro Gaiás
Martes a domingo | 10:00 - 20:00
Biblioteca y Archivo de Galicia
Luns a domingo | 08:00 - 20:00
Atención ao público da Biblioteca e Arquivo: Luns a venres | 8:30 - 14:30
Punto de Información
Museo Centro Gaiás, Tel. 881 995 172
Martes a domingo | 10:00 - 20:00
Visitas guiadas
Visitas guiadas á Cidade da Cultura
- Todos os sábados do ano ás 11 horas.
- Semana Santa, Xullo e Agosto, de martes a domingo ás 11 horas | Visita especial en inglés ás 12 horas
Saída dende o Museo Centro Gaiás
De balde | Non é necesario reservar praza
Visitas guiadas ás exposicións temporais del Museo Centro Gaiás
De martes a venres ás 17:30 horas
Sábados, domingos e festivos: 12:30 e 17:30 horas
De balde | Non é necesario reservar praza
+ info
visitas@cidadedacultura.org | 881 99 75 84
Conexións en bus con Santiago
LIÑA 9: Luns- Venres laborables | Sábados mañán
Saídas dende Casas Novas [Frecuencia: 60 min.]
Luns a Venres 07.30 - 22.30 | Sábados 08:30 - 13:30
Saídas dende a Cidade da Cultura [Frecuencia: 60 min.]
Luns a Venres 08:00 - 22.00 | Sábados 09:00 - 13:00
+info Transporte urbán, Liña 9
LÍNA C11: Sábados tarde | Domingos e Festivos
O seu paso por Xeneral Pardiñas:
Sábados 17:10 y 20:15
Domingos e Festivos 10:30, 13:30, 17:35 e 19:55
Coordenadas GPS
Latitude 42º 52' 13.02" N
Lonxitude 8º 31' 32.69" W